Interreg Logo
Portada Rge Corte 4

O territorio transfronteirizo do río Miño protagoniza o último número da Revista Galega de Economía

O especial Eurorrexións en perspectiva: vellos problemas e novos retos para a cooperación publicado en setembro de 2022 pola Revista Galega de Economía, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), inclúe dúas aportacións desde o territorio transfronteirizo do Río Miño. Nestes textos analízanse a Estratexia Transfronteiriza do río Miño 2030 e a cadea de valor agroalimentaria do territorio miñoto.

 

No traballo 'A Estratexia do Río Miño Transfronteirizo 2030: unha ordenación territorial para a raia húmida galegoportuguesa?', o profesor da USC, e autor da Estratexia do Río Miño Transfronteirizo 2030, Valerià Paül Carril analiza esta iniciativa en relación cos presupostos teórico-conceptuais xerais do ordenamento territorial, en concreto do ordenamento que se tenta implantar en contextos transfronteirizos.

 

Os resultados de Valerià Paül Carril estrutúranse mediante tres períodos do proceso de elaboración da Estratexia e valóranse os cambios producidos en cada período. Nesas modificacións do plan de acción a dimensión económica foi perdendo peso, agás no sector turístico. En paralelo, adquiriron unha maior relevancia os aspectos relacionados coa gobernanza. Esta análise detecta tamén unha tensión constante entre os dous ámbitos territoriais presentes no Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño.

 

Este número especial da Revista Galega de Economía publica tamén aAnálise dunha cadea de valor na integración transfronteiriza. A cadea de valor agroalimentaria na área compartida do Miño’ dos profesores da Universidade de Vigo Carlos Fernández-Jardón e Xavier Martínez Cobas, este último tamén coordinador do Observatorio das Dinámicas Transfronteiriza (ODT) do río Miño. Neste artigo, os autores comparan a xeración de valor de cada territorio e analizan o nivel de integración produtiva das actividades de pesca, viticultura, horta e planta ornamental.

 

Os resultados deste estudo indican un maior peso estrutural da parte de produción da cadea na área galega. A análise por sub-cadeas presenta niveis básicos de integración en proveedores e clientes, e niveis medios de integración nos consumidores finais. Nos campos da cooperación e da innovación, a integración é case inexistente, deixando unha ampla marxe para o desenvolvemento conxunto da área transfronteiriza.