Interreg Logo
Montes E Rio 1

A Fundación Isla Couto promove un catálogo de boas prácticas para as comunidades de montes

A Fundación Isla Couto esta a poñer en marcha un catálogo de boas prácticas na xestión das comunidades de montes. Con este fin, está a realizar entrevistas en ambas as dúas beiras do Miño. O obxectivo é determinar os modos de xestión dos montes en man común, e definir un catálogo de boas prácticas que poda ser publicado e compartido.

 

A figura dos montes en man común (nome en Galicia) ou baldios (nome en Portugal) é exactamente a mesma. É unha forma milenaria de propiedade compartida dos montes polos veciños dunha parroquia ou dun lugar. A súa orixe está na propiedade xermánica da terra, instaurada nas dúas beiras do Miño durante o Reino suevo da Gallaecia, con capital en Braga. Foi tamén esta época na que se definiu a estrutura territorial por parroquias que caracteriza ao poboamento de toda a área miñota.

 

Os montes en man común pasaron por diferentes etapas na historia recente dos dous países, con fases de negación do carácter comunitario da terra. Actualmente, teñen o recoñecemento legal, tanto en Galicia coma en Portugal, e a intención da Fundación Isla Couto é a de facilitar instrumentos para a súa xestión.