A oferta turística creceu no tramo internacional do Río Miño antes da pandemia
Os dados que achega o Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do Río Miño no seu informe ‘Panorámica socioeconómica do Río Miño Transfronteirizo entre 2015 e 2021’ mostran un crecemento da atividade turística no período 2017-2020, aínda que sinalan un estancamento desta actividade en 2020. Para avaliar a realidade do sector turístico, o ODT empregou un indicador vinculado coa oferta de dotacións turísticas e otro vinculado co territorio e a capacidade de acceso.
No referido ao número de dotacións turísticas, o informe do ODT mostra un claro crecemento entre 2017 e 2020 da taxa de establecementos turísticos, que indica o número de establecementos turísticos por cada 1.000 habitantes. Este indicador pasaría do 0,95 en 2017 ao 1,66 en 2020, o que sinala unha mellora na oferta turística e na demanda de postos de traballo na actividade, repercutindo na capacidade de atracción do territorio.
Con esta taxa de establecementos turísticos, o ODT pretende medir dous aspectos complementarios. Primeiro, se as dotacións de establecementos son suficientes dado o tramo de poboación, posto que se supón que a capacidade de atracción dun territorio é, en parte, proporcional á súa poboación, ao xerar estas relacións. Segundo, se o número de establecementos turísticos é dabondo para absorber a posible demanda de traballadores que poida haber nese sector no territorio.
Taxa de establecementos turísticos
O segundo indicador empregado polo ODT é o da densidade turística, que sinala o número de prazas en establecementos turísticos por km2. Este indicador amosa a facilidade de acceso aos establecementos en conxunto para quen fai turismo no territorio, e permite corrixir o efecto das diferenzas de tamaño entre os establecementos turísticos do primeiro indicador. O ODT mostra que a densidade turística sitúase en 4 prazas por km2, indicando que hai una certa facilidade de acceso ao territorio no seu conxunto.
Densidade turística no AECT
Na análise do ODT do período 2017-2020 obsérvase no total deste intervalo de tempo un incremento que vai das 4,14 prazas por km² do 2015 ás 4,57 prazas en 2020. Porén, apréciase tamén un estancamento neste último ano en relación co anterior, no cal ese valor situábase no 4,58. O Observatorio valora que este estacamento puido producirse por efecto da pandemia da Covid-19.