Os indicadores de emprego marcan unha evolución positiva no Miño transfronteirizo
O Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do río Miño amosa no seu informe ‘Panorámica socioeconómica do Río Miño Transfronteirizo entre 2015 e 2021’ unha evolución positiva da taxa de emprego potencial e da taxa de crecemento do emprego neste territorio entre os anos 2015 e 2019. Con estes dous indicadores o ODT avalía a dinámica do emprego no territorio miñoto.
Segundo indica o ODT, a taxa de emprego potencial durante os anos 2015 a 2019 incrementouse do 0,32 ao 0,37. Isto apunta a unha melloría no emprego, se ben aínda non chega á metade da poboación potencialmente activa.
A taxa de emprego potencial indica se se crean moitos empregos en relación coa poboación potencialmente activa do territorio. Ven definido polo cociente entre o número de empregos e a poboación de entre 16 e 64 anos de idade. Deste xeito, compróbase se a xeración de emprego mantense segundo as potencialidades da actividade existente.
Taxa de emprego potencial no AECT
Por outra banda, a taxa de crecemento do emprego sinala se a evolución é positiva ou negativa no seu conxunto. Segundo os dados que proporciona a ODT para o mesmo período de tempo, pódese observar que as taxas de crecemento estiveron situadas ao redor do 3%, salvo o ano 2019, que descendeu ao 1,1%, o que sinala unha ralentización na creación de emprego.
Evolución do emprego no AECT