O AECT Rio Minho organiza un seminario sobre sustentabilidade no sector primario
O vindeiro xoves 10 de novembro o Centro Social Polivalente de O Rosal acolle o seminario ‘A sustentabilidade do sector primario no río Miño transfronteirizo’, organizado polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño. Neste evento analizarase a cadea de valor da alimentación no espazo transfronteirizo galego-portugués, contarase coa intervención de empresas e profisionais do sector primario e presentarase un informe do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do Río Miño.
O seminario será presentado pola alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández Callís, e representantes do AECT Rio Minho. Un dos puntos principais desta xornada será a presentación do informe sobre sustentabilidade, realizado polo ODT, correndo este relatorio a cargo do director académico do ODT, o profesor Xavier Martínez Cobas, da Universidade de Vigo.
Contarase tamén coa participación de María Victoria Alvarez Fernández, presidenta da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (ACUBAM), José Augusto Martíns, responsable de Raiz da Terra, Emilio Rodríguez Canas, director técnico de Terras Gauda e Armando Fontainhas, presidente da Adega Cooperativa Agrícola Regional de Monção, que tratarán sobre as implicacións efectivas do novo modelo de sustentabilidade sobre a produción de planta e de viticultura, sectores de relevancia no sector primario do territorio miñoto.