O ano 2020 marca un cambio de tendencia e os concellos do territorio transfronteirizo do Río Miño gañan poboación
A evolución do número de habitantes no territorio transfonteirizo do Río Miño presenta, no ano 2020, un cambio de tendencia. Segundo os datos que achega o Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do Río Miño, nos concellos do espazo transfronterizo galego-portugués observábase un claro descenso de poboación ata o ano 2019, mais en 2020 o territorio miñoto incrementou o seu número de habitantes, pasando de 362.948 a 363.104.
Son tres as causas a ter en conta para explicar esta nova tendencia. En primeiro lugar situaríase o desenvolvemento económico do territorio miñoto, que estaría a transformar a produción no sector primario, así como a consolidar a política de parques empresariais e de atracción de empresas, singularmente en concellos como Vila Nova da Cerveira, Valença, O Porriño e Viana do Castelo, e agora en Salvaterra, As Neves e Paredes de Coura, entre outros.
Tamén se apunta como causa deste incremento a saída de habitantes das cidades, en particular por efecto da área metropolitana de Vigo, cunha poboación que procura outras condicións de espazo e de prezo. O sucedido a partir de 2020 coa pandemia da Covid-19 pode estar amplificando esta situación.
Como terceira das causas sinálase á atracción de persoas retornadas e de inmigrantes, que está vinculada á súa vez cos dous fenómenos anteriores. O crecemento económico no territorio do río Miño transfronteirizo e a alza dos prezos da vivenda no centro das cidades estarían favorecendo a instalación de poboación nos concellos desta área.