Interreg Logo
Img 6465

As empresas do sector primario do Río Miño transfronteirizo adáptanse á economía verde

O informe ‘Sustentabilidade e economía verde’, do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño, analiza os desafíos medioambientais que as empresas do territorio terán que enfrentar e recolle unha diversidade de actuacións para adaptar a produción primaria aos novos parámetros da economía verde.

 

No sector vitivinícola, o tratamento das vides pasa a estar condicionado por produtos compatibles co medio ambiente. Tamén será relevante a circularidade, vinculada aos subprodutos e á posibilidade de xeración de enerxía cos restos das vides, entre outros. No sector do cultivo e da planta ornamental, os condicionantes son similares ao anterior.

 

Para a silvicultura, actividade emerxente no territorio, o tratamento das árbores, a elección de especies e os modelos de explotación, teñen a necesidade de adaptarse aos grandes incendios como maior desafío.

 

Para a pesca, a conservación dos stocks de recursos, tanto no mar como no río, e a combinación coa protección da biodiversidade son temas a tratar de forma inmediata. O efecto da contaminación, e das presas no caso do Miño, teñen prexudicado as condicións naturais das augas e a vida nelas.

 

Para a extracción de granito e de pedra ornamental, as condicionantes de sustentabilidade son maiores, xa que afectan a unha actividade sobre recursos non renovables. As rehabilitacións das canteiras, a optimización da explotación do recurso e o tratamento dos residuos son parte dos desafíos máis inmediatos.

 

Os traballos de investigación desenvolvidos nestes anos, entre outros, polo AECT Rio Minho, a CIM Minho e a Deputación de Pontevedra, salientan a relevancia dos recursos endóxenos do territorio, singularmente dos recursos naturais, coma un factor de desenvolvemento. En particular, a cadea de valor da alimentación, a partir dos recursos do territorio, é unha das fontes máis relevantes de emprego e renda. A súa posta en valor, por medio da integración produtiva no conxunto do AECT Rio Minho e a creación de condicións de sustentabilidade desa riqueza, será un factor fundamental para o desenvolvemento sustentable da área común.