Interreg Logo
Imaxe 3 Newsletter

O número de empresas medrou no Río Miño transfronteirizo entre os anos 2015 e 2019

O Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do río Miño expón no seu informe ‘Sustentabilidade e economía verde’ un claro aumento do número de empresas no territorio transfronteirizo do Río Miño, que pasaron de ser 35.393 en 2015 a 37.868 en 2019, último ano do que existen datos aos dous lados da fronteira. Para a elaboración deste relatorio o ODT traballou con indicadores fornecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) portugués e polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

 

Estas cifras indican un potencial empresarial crecente do territorio miñoto ata 2019. Analizando a distribución das empresas a través da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE 1) en 2019, obsérvase que a maior porcentaxe de empresas encóntrase no comercio, o que se trata dunha especialización tradicional na estrutura económica das zonas transfonteirizas.

 

Séguenlle a agricultura, a gandería, a pesca e a silvicultura, é dicir, as empresas dedicadas aos recursos naturais extraíbles. Os recursos naturais contan cun valor potencial no territorio miñoto, que conta cuns condicionantes climáticos excepcionalmente bos para a produción vexetal. Tamén contribúe á valorización destes recursos a propia presenza do río Miño, do seu esteiro e dos seus afluentes, así como o valor da costa marítima.

 

Os seguintes sectores con maior presenza nos concellos do tramo transfonteirizo do río Miño, serían a construción,o aloxamento, as actividades administrativas, a educación e as industrias transformadoras.