O AECT Rio Minho debaterá sobre o potenciamento dos recursos endóxenos no territorio transfronteirizo
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho organiza o seminario “Os recursos endóxenos no territorio do río Miño transfronteirizo” que terá lugar o vindeiro día 13 de xullo de 2022 ás 15h30, hora portuguesa, [16:30 hora galega] no Salão Nobre da Câmara Municipal de Melgaço. Nesta xornada presentarase o informe sobre recursos endóxenos realizado polo Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño (ODT) e debaterase sobre como potenciar estes recursos nos dous lados da fronteira.
O presidente da CM de Melgaço, Manuel Batista Calçada Pombal, será o encargado de dar a benvida a este seminario. Tras a súa intervención iniciará a presentación do ODT, que será moderada por António A. Pereira Torres, do Secretariado Técnico do AECT Rio Minho. Durante esta exposición o técnico de proxectos do AECT Rio Minho Luis M.ª Ulloa Guitián mostrará a nova plataforma web e despois corresponderá ao Coordinador do ODT Franscico X. Martínez Cobas expoñer o informe sobre recursos endóxenos realizado polo propio Observatório.
A continuación celebrarase a mesa redonda “Presentación de experiencias de dinamización de recursos endóxenos no territorio do río Miño tranfronteirizo”, moderada polo asesor da Deputación de Pontevedra ao Secretariado Técnico do AECT Rio Minho, Lois Pérez Castrillo. Esta actividade contará cos relatorios “O marketplace no Vale do Minho” do director de Adriminho Carlos Brandão, “A experiencia Conta o teu territorio” do xerente do GDR do Condado-Paradanta Francisco González Carracedo, “A campaña Parte de ti” da directora de proxectos da Asociación de Desenvolvimento Galicia Suroeste Eu Rural Eva Gil Solla, e “O PNPG como um ativo do território”, da responsável técnica da Porta de Lamas de Mouro Isabel Ramalhosa.
O peche da xornada terá lugar ás 17.30h, hora portuguesa, e correrá a cargo do director do AECT Rio Minho Rui Teixeira. Despois deste acto a Cámara Municipal de Melgaço ofrecerá un albariño de honra ás persoas asistentes.
O AECT Rio Minho agradece a confirmación de asistencia a este seminario no correo electrónico geral@aectriominho.eu ata o luns 11.